Quen somos?
Ola! O noso banco levámolo entre as asociacións Enxeñería Sen Fronteiras e o IEEE UVigo, e forma parte da rede de Bancos de Reciclaxe Electrónica con Software Libre de Galicia, que ten varios obxectivos:
- A difusión das tecnoloxías libres e da soberanía dixital
- A promoción da electrónica ética, mediante a reutilización de equipos electrónicos coa fin de aumentar a súa vida útil. Isto implica unha diminución tanto dos residuos xerados como da extracción de materiais requiridos na fabricación.
- A redución da fenda dixital
E como facemos isto?
Pois recibimos ordenadores teoricamente obsoletos e mediante o emprego de software libre tratamos de reacondicionalos para alongar a súa vida útil. Unha vez reacondicionados, entregámolos a ONGs de carácter social, que son quen nos axudan a canalizalos ata a xente que os precisa.
Tratamos de ir máis alá da reparación dos equipos, impartindo formacións ás persoas usuarias e talleres de reparación abertos ao público xeral. Tamén damos charlas en institutos, chamando a atención sobre a procedencia dos materiais empregados na fabricación, e o que ocorre coa súa eliminación. Todos os bancos están xestionados por persoas voluntarias (unhas 25 en toda Galicia). En Vigo o banco témolo na Escola de Enxeñería de Telecomunicación entre as asociación Enxeñería Sen Fronteiras e o IEEE UVigo.
Como podes axudar?
Se
che apetece virnos botar unha man e aprender como funciona un
ordenador por dentro, xenial! Non é preciso ter ningún coñecemento previo, simplemente gañas de aprender.
Ademais, tamén podes axudarnos de forma puntual nos obradoiros que
organizamos e doutras moitas formas. Acostumamos estar os mércores pola
tarde, pero mellor contáctanos primeiro ou escríbenos nos comentarios :)
Vémonos!
Comentarios
Publicar un comentario